O Fisterra Experience celebra o seu 10º aniversario cun peche de festa con concerto e jam session en Fisterra

O festival #FisterraExperience pon o broche final á súa edición do 10º aniversario cun evento especial que combinará música en directo e improvisación nunha xornada aberta ao público.

O peche de festa terá lugar o domingo 28 de xuño, a partir das 13:00 horas, no espazo do Semáforo de Fisterra | Hotel & Restaurante, e contará cun concerto do grupo Gran Bazar seguido dunha jam session protagonizada por Marcos Coll, The Centolo Cousins e Javier Turnes, quen foi iniciador e director artístico do festival entre 2016 e 2023, cando a cita musical era coñecida como Fisterra Blues Experience.

A entrada será de balde, facilitando así a participación do público nunha xornada que combina celebración, memoria do festival e música en directo nun dos enclaves máis emblemáticos da Costa da Morte.

O evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, reforzando así a aposta pola difusión cultural e musical no territorio galego.

Con esta última proposta, o Fisterra Experience pecha unha edición especial marcada polo seu décimo aniversario, consolidándose como unha das citas musicais de referencia no verán galego.