
Vimianzo, 27 de xuño de 2026. O BNG de Vimianzo reuniu este venres a preto dun cento de veciños e veciñas afectados polo atraso na concentración parcelaria de Carnés e Cereixo nunha charla informativa celebrada no local comunitario de Cures e Mouzo. No encontro participou o deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Óscar Insua, acompañado polo portavoz municipal da formación nacionalista, Benxamín Queiro.
Durante o acto, no que tamén estiveron presentes membros do BNG de Vimianzo, proxectouse un vídeo sobre as iniciativas parlamentarias impulsadas pola formación para reclamar á Xunta de Galicia a axilización do proceso administrativo, pendente da aprobación da acta de reorganización da propiedade e da entrega dos títulos notariais definitivos aos propietarios e propietarias dos terreos.
Óscar Insua trasladou á veciñanza o compromiso do BNG de continuar defendendo as súas demandas no Parlamento galego e insistiu en que a Consellería do Medio Rural debe dotar dos medios humanos necesarios para rematar un proceso que acumula máis de tres décadas de tramitación.
O deputado lembrou que xa no pasado mes de marzo denunciara un novo atraso na concentración parcelaria, tras interpelar á directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez Rivera, sobre os prazos previstos para a súa conclusión. Segundo explicou, a Xunta sitúa agora o remate do proceso no primeiro semestre de 2027, un calendario que cualificou de insuficiente.
«Neste caso van tarde, mal e arrastro, e a parcelaria segue sen rematarse», afirmou Insua, quen engadiu que a propia Administración recoñeceu a falta de persoal para completar os trámites pendentes. «O que teñen que facer é poñer máis medios, porque levan máis de 30 anos con esta parcelaria», sinalou.
Pola súa banda, Benxamín Queiro cualificou de «despropósito» o incumprimento continuado dos compromisos adquiridos polo Goberno galego coas persoas afectadas. «A veciñanza de Carnés e Cereixo leva anos agardando polos títulos definitivos e non pode seguir soportando novos atrasos nin promesas incumpridas», manifestou.
O portavoz nacionalista asegurou que o BNG manterá o seguimento desta situación e continuará traballando da man dos veciños e veciñas para esixir que a Xunta cumpra co novo prazo comprometido e complete definitivamente a concentración parcelaria durante o primeiro semestre de 2027.

