
O exalcalde de Muxía e portavoz do PSOE, Iago Toba, volveu cargar contra o actual goberno municipal, formado por PP, BNG e IxM, tras a celebración da carreira «Correndo pola Costa da Morte».
Nun comunicado difundido nas redes sociais, Toba asegura que o executivo local «segue deixando a imaxe de Muxía polo chan» e considera que o goberno «non estivo á altura» dun evento deportivo de gran repercusión comarcal.
Entre as críticas formuladas, sinala o estado do percorrido, que describe con maleza, sucidade, buratos e pavimento deteriorado, así como as queixas de participantes pola, segundo afirma, insuficiente dispoñibilidade de auga ao finalizar a carreira. Tamén fai referencia a un momento da entrega de premios no que, segundo a súa interpretación, o presentador tivo que chamar a atención aos representantes municipais para facilitar o desenvolvemento do acto.
O exrexedor considera que estas situacións prexudican a imaxe de Muxía e reclama unha maior planificación e organización nos eventos promovidos polo Concello.
As declaracións de Toba reabren o enfrontamento político entre o PSOE e o actual goberno municipal, nun contexto no que a xestión dos actos públicos continúa sendo motivo de confrontación entre ambas partes.