O Concello de Cee reforzará os controis contra o abandono de bolsas con excrementos de cans na vía pública

O Concello de Cee fixo un chamamento ao civismo e á responsabilidade das persoas propietarias de mascotas ante a proliferación de bolsas con excrementos de cans abandonadas no paseo marítimo e noutros espazos públicos do municipio.

Desde o goberno local lembran que recoller as deposicións dos animais é unha obriga, pero tamén o é depositar correctamente as bolsas nas papeleiras, nos colectores ou nos lugares habilitados para ese fin. «Non serve de nada recoller os excrementos se posteriormente se deixan abandonados na vía pública», sinalan.

O Concello recorda que o artigo 14.9 da Ordenanza Municipal prohibe expresamente deixar as deposicións fecais dos cans na vía pública e establece a obriga das persoas propietarias de recollelas e desfacerse delas de forma adecuada.

Ante esta situación, o executivo municipal anunciou que intensificará os labores de vixilancia e control para detectar este tipo de condutas incívicas, advertindo de que se imporán as correspondentes sancións a quen incumpran o establecido na normativa municipal.

Desde o Concello insisten en que manter limpos os espazos públicos é unha responsabilidade compartida e apelan á colaboración cidadá para conservar o paseo marítimo e o resto das zonas comúns en boas condicións para o desfrute de toda a veciñanza.