
Veciños e veciñas do barrio de Caranza, en Ferrol, denuncian o estado de abandono da zona situada na parte baixa do Hospital Arquitecto Marcide. Segundo explican, existen muros deteriorados e parcialmente derrubados que supoñen un perigo para os peóns e para os vehículos que circulan polo lugar.
A maiores, critican a existencia de marcas viarias pintadas no chan nunha rúa que, segundo indican, continúa sinalizada como de prohibido circular, unha situación que consideran incoherente e que pode provocar confusión entre os condutores.
A veciñanza advirte de que a falta de actuación municipal podería derivar nun accidente de gravidade. «Non queremos ter que lamentar danos persoais para que se actúe», sinalan, reclamando unha intervención urxente por parte do Concello de Ferrol.
Os residentes tamén lembran que, segundo aseguran, no cruzamento situado xunto á piscina de Caranza xa foi retirada con anterioridade unha sinal de prohibido circular, unha medida que consideran insuficiente para resolver os problemas de seguridade viaria da zona.
Os veciños piden ao Concello de Ferrol que actúe con rapidez, repare os muros en mal estado, revise a sinalización existente e adopte as medidas necesarias para garantir a seguridade no barrio de Caranza antes de que se produza un accidente.



