As redeiras de Corme consolidan o seu papel como referente da artesanía mariñeira e da economía azul

Ponteceso (A Coruña), 30 de xuño de 2026. A Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme reafirma a súa posición como un dos principais referentes da conservación dos oficios tradicionais do mar, da innovación artesanal e da economía azul en Galicia. Así o destacou a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, durante unha visita á entidade, na que estivo acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e pola presidenta da asociación, Rosa Rodríguez.

A representante autonómica puxo en valor o labor das redeiras, que conseguiron combinar a reparación e confección de artes de pesca coa creación de novos produtos artesanais elaborados a partir de redes recicladas, abrindo novas vías de comercialización sen renunciar á esencia dun oficio transmitido de xeración en xeración.

Constituída en 2009, a Asociación de Redeiras Illa da Estrela está integrada por mulleres procedentes de familias mariñeiras da Costa da Morte, que ao longo dos últimos anos participaron activamente no proxecto Enredadas, unha iniciativa impulsada polas consellerías de Mar e de Economía e Industria e coordinada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. Este programa converteuse nun exemplo de éxito na diversificación profesional do colectivo, ao favorecer a colaboración con deseñadores, empresas e profesionais de sectores como a moda, o mobiliario, a decoración ou a bixutaría.

Grazas a esta iniciativa, as redeiras desenvolveron novas coleccións de pezas artesanais e complementos, incorporando deseños contemporáneos e materiais reciclados que achegan valor engadido ao seu traballo e contribúen á xeración de ingresos complementarios.

Belén do Campo lembrou tamén que a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi recoñecida co Premio Promociona para Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía precisamente polo proxecto Enredadas, considerado unha referencia na modernización do sector artesanal.

As redeiras de Corme participan ademais de maneira habitual en feiras especializadas co apoio da Fundación Artesanía de Galicia. Esta mesma fin de semana estarán presentes na feira Corazón da Artesanía, en Agolada, onde mostrarán ao público como os coñecementos tradicionais poden adaptarse ás demandas actuais mediante produtos innovadores e sostibles.

Durante a visita, a delegada destacou igualmente a colaboración que a asociación mantén co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, impulsando iniciativas para promover a sustentabilidade, dinamizar o territorio e visibilizar o papel das mulleres vinculadas ao mar.

Segundo subliñou Belén do Campo, a Asociación Illa da Estrela exemplifica o éxito da cooperación entre administracións públicas, sector pesqueiro e tecido asociativo para preservar o patrimonio marítimo, fomentar a economía circular e crear novas oportunidades de emprego nas zonas costeiras.

Convocatoria de axudas para o sector artesán

Aproveitando o encontro, a delegada animou aos profesionais da artesanía, asociacións e concellos a solicitar as novas axudas da Xunta destinadas a favorecer a participación en feiras profesionais e a organización de eventos artesáns en Galicia.

A convocatoria, publicada o pasado 12 de xuño no Diario Oficial de Galicia, conta cun orzamento global de 265.000 euros e permanecerá aberta ata o 13 de xullo. Deles, 180.000 euros destínanse a obradoiros artesáns, 35.000 euros a asociacións profesionais e 50.000 euros aos concellos.

Estas subvencións permitirán financiar gastos como o alugueiro de espazos expositivos, seguros, transporte de material, servizos feirais, publicidade e organización de eventos, co obxectivo de impulsar a promoción, difusión e comercialización da artesanía galega tanto dentro como fóra da comunidade.

Na convocatoria correspondente ao pasado ano resultaron beneficiadas 88 entidades en Galicia, das que 33 pertencían á provincia da Coruña, cun investimento próximo aos 100.000 euros, reforzando así o papel do sector artesanal como motor económico, cultural e turístico do territorio.