
As críticas polo funcionamento do Centro de Saúde de Arteixo continúan chegando por parte da veciñanza. Entre as últimas queixas destaca a sensación de que, ao acudir á consulta con máis dunha doenza, algúns pacientes son convidados a escoller cal é o problema que consideran prioritario, deixando o resto para outra cita.
Segundo relatan usuarios e profesionais, esta situación estaría motivada polo escaso tempo asignado para atender cada paciente. Os sanitarios aseguran que a elevada carga asistencial e a falta de tempo obrígaos a priorizar a atención, o que provoca malestar entre os usuarios, que consideran que as súas necesidades non sempre poden ser abordadas nunha única consulta.
A situación enmárcase nun contexto de crecente preocupación pola Atención Primaria en Galicia, onde profesionais e plataformas cidadás levan tempo denunciando a sobrecarga asistencial e a falta de recursos humanos.
Os veciños reclaman que se reforcen os cadros de persoal e que se melloren as condicións de atención para garantir que os pacientes poidan expoñer todos os seus problemas de saúde sen verse obrigados a escoller entre eles.