Laxe participa no acto «1 ano xestionando o noso litoral» para impulsar a protección e posta en valor da costa galega

O alcalde de Laxe, Paco Charlín, participou no acto «1 ano xestionando o noso litoral», celebrado no Parador Costa da Morte, en Muxía, e organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

O encontro reuniu representantes de numerosos concellos costeiros de Galicia co obxectivo de facer balance do primeiro ano de xestión do litoral galego e compartir novas medidas, proxectos e iniciativas orientadas á conservación, ordenación e valorización da costa.

Durante a xornada presentouse tamén unha nova aplicación dixital vinculada ao Camiño do Litoral, unha ferramenta que permitirá divulgar e achegar aos visitantes o patrimonio natural, cultural e turístico dos municipios costeiros, favorecendo un turismo máis sostible e unha maior conexión coa riqueza do territorio.

Desde o Concello de Laxe valoran moi positivamente este tipo de iniciativas, que contribúen a mellorar a xestión do litoral, fomentar a protección dos espazos naturais e reforzar un modelo de desenvolvemento turístico respectuoso coa contorna e coa identidade das vilas mariñeiras.

O Concello reafirma así o seu compromiso coa conservación da costa, un dos principais valores ambientais, paisaxísticos e económicos do municipio, e continuará traballando para que o litoral de Laxe siga sendo un referente de sustentabilidade, respecto polo medio ambiente e xeración de oportunidades para o futuro.