O PSOE da Laracha denuncia o «abandono» de Currelos de Arriba e reclama actuacións urxentes

O PSOE da Laracha denunciou publicamente o estado de abandono que, segundo asegura, sofre o lugar de Currelos de Arriba, na parroquia de Soandres, responsabilizando ao goberno municipal do PP da falta de mantemento e de atención ás necesidades da veciñanza.

Os socialistas sinalan que a situación pode comprobarse en varios puntos da zona, onde se observa un colector de lixo completamente cheo e rebosando residuos, un burato cuberto unicamente cunha táboa de madeira, que consideran un risco para a seguridade das persoas, así como pistas e accesos deteriorados e sen o mantemento necesario.

Desde o PSOE afirman que esta imaxe «resume perfectamente o abandono que sofren os veciños e veciñas de Soandres por parte do goberno do PP da Laracha», e critican que o Concello leve anos «mirando para outro lado» sen ofrecer solucións aos problemas da parroquia.

A formación reclama unha intervención inmediata para mellorar o estado das infraestruturas, garantir a seguridade nos espazos públicos e reforzar os servizos básicos. Ademais, defende que Currelos de Arriba «merece o mesmo trato que calquera outro lugar do concello: mantemento, atención e respecto».

O PSOE da Laracha insiste en que continuará trasladando as demandas da veciñanza e reclamando investimentos que permitan acabar co deterioro que, ao seu xuízo, padecen distintos núcleos rurais do municipio.