O exalcalde de Muxía, Iago Toba Campaña, realizou unha dura crítica á xestión do actual executivo municipal, formado tras a moción de censura, asegurando que o municipio presenta unha imaxe “lamentable” en pleno mes de xullo, coincidindo co inicio da tempada alta de verán.
Segundo Toba, “o goberno da moción de censura” non está a responder ás necesidades do concello e considera que a situación actual é consecuencia da actuación dos grupos que promoveron o cambio de goberno.
“Entramos en xullo, pleno verán, e o goberno da moción de censura ofrécenos esta lamentable Muxía. ¿Para isto foi a moción de censura?”, afirma o exrexedor.
Nas súas declaracións, sinala como responsables da situación ao PP, ao BNG e a Independentes por Muxía (IxM), resumindo a súa crítica coa expresión: “Tres que non fan un”.
Ademais, Toba anuncia a difusión de tres vídeos nos que, segundo explica, pretende mostrar o estado actual do concello:
- O estado do núcleo urbano de Muxía.
- A situación das tarefas de limpeza nas parroquias e no rural, que cualifica de “estafa”.
- O estado das limpezas nos distintos núcleos de poboación, que define como “un auténtico insulto”.
O exalcalde sostén que estas imaxes servirán para evidenciar, ao seu xuízo, a falta de mantemento e de planificación do actual goberno municipal nun dos momentos de maior afluencia de visitantes ao municipio.