Ponteceso avanza na mellora do seu litoral coa execución da primeira fase da senda entre as praias do Osmo e da Ermida

O Concello de Ponteceso continúa dando pasos na mellora das súas infraestruturas turísticas coa execución da primeira fase da nova senda litoral que conectará a praia do Osmo coa praia da Ermida.

Esta actuación ten como principal obxectivo mellorar a conexión peonil entre ambos areais, facilitando unha mobilidade máis segura e accesible, ao tempo que contribúe á posta en valor da contorna costeira e dos espazos naturais do municipio.

A obra foi executada pola empresa Construcións Sernadas, S.L., baixo a dirección do enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos Rubén Calvarro Rivadulla e do enxeñeiro técnico industrial Adrián Carlos Laíño Gallegos. O proxecto contou co financiamento da Axencia Galega de Turismo, no marco das actuacións destinadas á mellora dos recursos turísticos e do patrimonio natural de Galicia.

Desde o Concello de Ponteceso quérese expresar un especial agradecemento á empresa adxudicataria e ao equipo técnico responsable da actuación polo cumprimento dos prazos previstos, a calidade dos traballos realizados e a profesionalidade demostrada durante toda a execución da obra.

Con esta intervención, o Concello reafirma o seu compromiso coa conservación e valorización do litoral, impulsando actuacións que favorecen a accesibilidade, a sustentabilidade e o atractivo turístico do municipio, en beneficio tanto da veciñanza como das persoas que visitan Ponteceso.