Preparádevos para un verán cheo de actividades no Quinteiro de Buño

O Quinteiro de Buño presenta unha programación estival pensada para todos os públicos, con música, tradición, cultura e moita festa.

A primeira gran cita será o vindeiro sábado 11 de xullo, coa celebración do II Tardeo Ochentero, unha xornada que comezará pola mañá coa exposición de coches clásicos e continuará durante a tarde cunha auténtica festa ambientada nos anos 80.

Anímate a vir disfrazado da época ou, cando menos, a traer algún complemento oitentero para crear o mellor ambiente de diversión. A festa estará amenizada polo Grupo Retotrool e DJ Grobas, e haberá servizo de bar e hamburguesas durante toda a xornada.

A programación continuará con propostas para todos os gustos:

  • 18 de xulloXornada-Faladoiro: «Xoguetes e enredos tradicionais e sustentables no Camiño de Santiago», no Ecomuseo Forno do Forte, de 11:30 a 13:30 horas. Presentarase o proxecto e o libro Patrimonio Lúdico Galego: investigación, recursos e divulgación dos xogos tradicionais, da man do Observatorio de Patrimonio Lúdico Galego e de Apolinar Varela.
  • 7 de agostoII Festival Folk O Quinteiro de Buño, co cartel que se dará a coñecer proximamente.
  • 8 e 9 de agostoFestas na honra de Santa Filomena, cun programa que se anunciará nos vindeiros días.
  • 12 de agosto – Un evento moi especial coincidindo co eclipse: «Eclipse coa Máquina de Meter Medo», un espectáculo que fusiona zanfoñas tradicionais e música electrónica para vivir unha experiencia única durante a tardiña do fenómeno astronómico.

Desde O Quinteiro de Buño convidamos a veciñanza e visitantes a participar nesta programación de verán, pensada para gozar da cultura, da música e das tradicións nun ambiente festivo e acolledor. Non o perdas!