
O PSdeG-PSOE da Laracha denuncia a situación de abandono que presenta a Avenida Finisterre, en Paiosaco, onde, segundo sinala a formación socialista, a acumulación de lixo, a sucidade nos colectores e a aparición de ratas mortas na vía pública evidencian a falta de mantemento por parte do Goberno municipal.
Os socialistas consideran que esta situación «non é un feito illado, senón a consecuencia directa da deixadez dun executivo local que está a incumprir as súas obrigas máis básicas coa veciñanza». Engaden que o estado da principal vía de Paiosaco ofrece unha imaxe «lamentable» e supón un problema tanto para a salubridade como para a calidade de vida dos residentes.
Dende o PSdeG-PSOE da Laracha reclaman unha actuación inmediata do Concello para reverter esta situación e esixen a posta en marcha de medidas concretas que inclúan unha limpeza viaria eficaz, un plan de desratización que resolva o problema de forma definitiva e un mantemento continuo dos espazos públicos.
«A veciñanza de Paiosaco merece rúas limpas, espazos públicos coidados e un Concello que cumpra coas súas responsabilidades», sinalan desde a agrupación socialista, que critica a falta de resposta do Goberno municipal ante un problema que, segundo afirman, leva tempo agravándose.
O PSdeG-PSOE conclúe facendo un chamamento ao Concello para que actúe con urxencia e deixe de lado as promesas, apostando por solucións reais que garantan unhas condicións dignas para toda a veciñanza de Paiosaco.


