
O BNG de Vimianzo quere trasladar os seus parabéns á comisión organizadora da Festa da Faguía de Carnés polo éxito da celebración desenvolvida onte, unha cita ancestral declarada Festa de Interese Turístico e que constitúe un dos grandes símbolos do patrimonio cultural e etnográfico do noso concello.
A formación nacionalista destaca que, a pesar da enorme afluencia de persoas asistentes, a xornada transcorreu cunha organización exemplar, practicamente sen colas e cun ambiente extraordinario no que conviviron veciñanza, visitantes e persoas chegadas de distintos lugares para descubrir unha das tradicións máis singulares de Vimianzo.
Desde o BNG poñen en valor o inmenso traballo realizado pola comisión organizadora e polas numerosas persoas voluntarias que, co orgullo de pertencer á parroquia de Carnés, dedicaron tempo e esforzo para que a celebración fose todo un éxito.
«O compromiso, o traballo colectivo e o cariño polo propio son a mellor garantía para manter vivas as nosas tradicións. O vivido onte en Carnés foi un exemplo perfecto de como a implicación dunha comunidade é capaz de ofrecer unha festa impecable e de seguir facendo medrar un evento que xa é un orgullo para todo o concello», sinalan desde a organización.
O BNG de Vimianzo agradece o labor de todas as persoas implicadas na organización da Festa da Faguía e anima a seguir preservando e promovendo unha celebración que representa unha parte fundamental da identidade cultural do municipio. E, como non podía ser doutro xeito, no día de San Cristovo, todo foi sobre rodas.