O Grupo Municipal Socialista de Corcubión critica a xestión do BNG en materia de dereitos laborais no Concello

O Grupo Municipal Socialista de Corcubión expresou o seu malestar polo que considera un proceder inadecuado do actual equipo de goberno do BNG no relativo aos dereitos do persoal municipal.

Segundo sinalan os socialistas, unha traballadora do Concello viuse obrigada a recorrer á vía xudicial para que se lle recoñecese o dereito á conciliación da vida laboral e familiar, un dereito que, lembran, está recollido na lexislación vixente.

Desde o PSOE local consideran especialmente chamativa esta situación tendo en conta a traxectoria do actual alcalde, empregado municipal e antigo delegado sindical da CIG antes de asumir a Alcaldía. Ao seu xuízo, esta circunstancia debería traducirse nun maior compromiso coa defensa dos dereitos laborais das persoas traballadoras da administración local.

Os socialistas pregúntanse se a defensa dos dereitos laborais por parte do BNG e da CIG se aplica por igual a todas as persoas traballadoras ou se, pola contra, depende da súa afinidade co sindicato ou co partido. Neste sentido, insisten en que os dereitos laborais deben ser garantidos sen distincións e reclaman ao equipo de goberno unha actitude máis dialogante e respectuosa coa normativa laboral e cos dereitos do persoal municipal.