
O deputado Oscar Insua reclama un acordo entre as administracións para cubrir o parque infantil, garantir a seguridade dos accesos e renovar os elementos de xogo deteriorados. Educación confirma que o centro contará por primeira vez con reforzo de profesorado de música no vindeiro curso.
Costa da Morte, 15 de xullo de 2026. O BNG instou á Xunta de Galiza e ao Concello de Camariñas a colaborar para acometer as melloras necesarias no parque infantil do CEIP de Camelle, unha infraestrutura que presenta importantes carencias e deficiencias que afectan ao día a día do alumnado.
O deputado do BNG no Parlamento galego, Oscar Insua, trasladou esta reivindicación durante a súa intervención no pleno parlamentario deste mércores, onde interpelou ao Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila López, sobre a situación do centro educativo. A iniciativa responde ás demandas formuladas pola ANPA do colexio e recollidas polo Bloque a través de diversas iniciativas parlamentarias.
Insua denunciou que o parque infantil carece dunha cuberta, o que impide o seu uso durante os días de choiva e obriga ás crianzas a permanecer no interior do edificio durante os recreos, dispoñendo unicamente dunha estancia duns vinte metros cadrados como espazo de lecer.
O parlamentario nacionalista tamén advertiu dos problemas de seguridade existentes para acceder ao parque, xa que o alumnado debe cruzar unha estrada municipal que presenta un firme deteriorado e un paso de peóns en mal estado.
Segundo explicou, aínda que poida existir debate sobre as competencias de cada administración, «o que si é competencia da Xunta é garantir que o alumnado acceda aos espazos educativos en condicións de seguridade». Ademais, defendeu que a instalación dunha cuberta «é un investimento e non unha actuación de conservación ou mantemento, porque non se pode conservar o que non existe».
Durante a comparecencia, o Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación confirmou que o CEIP de Camelle contará no vindeiro curso cun reforzo de profesorado, incorporando por primeira vez unha praza de música, unha demanda histórica da comunidade educativa.
Oscar Insua cualificou esta decisión como «unha boa nova» para un centro que no próximo curso escolar incrementará a súa matrícula ata os 18 alumnos e alumnas, un máis que no exercicio anterior.
O deputado do BNG insistiu, non obstante, en que continúan pendentes actuacións urxentes para mellorar as instalacións exteriores, xa que o recinto de xogos presenta importantes danos e deficiencias en varios dos seus elementos, unha situación que pode comprometer a seguridade das crianzas.
Por todo isto, o BNG reclama que Xunta e Concello deixen a un lado as discrepancias competenciais e alcancen un acordo que permita executar canto antes as actuacións necesarias para dotar o CEIP de Camelle dun parque infantil seguro, accesible e adaptado ás necesidades do alumnado.