
Carballo, 14 de xullo de 2026. O BNG instará á Xunta de Galicia a adoptar medidas urxentes para recuperar o equilibrio ecolóxico da Lagoa de Baldaio e garantir a continuidade da actividade marisqueira da Asociación de Mariscadores Fonte de Santa Helena. A formación nacionalista reclama a reapertura da canle que comunica a lagoa co mar e a posta en marcha dunha solución definitiva que evite o seu peche recorrente pola acumulación de area.
O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Óscar Insua, e o concelleiro de Medio Ambiente de Carballo, Miguel Vales, reuníronse este martes co presidente da asociación de mariscadores, Alberto Sánchez, para coñecer de primeira man a situación que atravesa este espazo natural. Durante o encontro comprometéronse a manter a presión política sobre o Goberno galego ata conseguir unha resposta efectiva.
Segundo explicou Insua, o peche total da canle desde o pasado mes de maio está a provocar graves consecuencias ambientais, como a aparición de peixes mortos, cambios na cor da auga e procesos de estancamento que favorecen a eutrofización e a perda de salinidade, poñendo en risco a biodiversidade da lagoa e a actividade extractiva.
O deputado nacionalista anunciou que presentará novas iniciativas no Parlamento galego para esixir explicacións e actuacións inmediatas. «A Consellería ten que aclararse. Non se pode abrir a canle hai sete meses e agora dicir que é contraproducente. Agardamos que adopte a decisión que reclama a asociación de mariscadores: abrir a canle e avanzar nunha solución definitiva para un problema que se repite ano tras ano», sinalou.
Pola súa banda, Miguel Vales lembrou que o Concello de Carballo xa trasladou a situación á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, solicitando unha avaliación urxente. O edil advertiu de que «estamos ante un espazo natural de enorme valor ambiental, social e económico para Carballo. O peche da canle está a ter consecuencias moi graves para a biodiversidade e para o traballo das mariscadoras e mariscadores, polo que a Xunta non pode permanecer de brazos cruzados».
Vales insistiu na necesidade de recuperar o intercambio natural de augas entre a lagoa e o mar e de planificar actuacións estruturais que impidan que esta problemática volva repetirse no futuro.
Desde o BNG lembran que a Xunta xa executara en decembro de 2025 traballos para restaurar temporalmente o fluxo intermareal, unha actuación que permitiu aliviar a situación pero que non resolveu a causa do problema.
O Consello Local do BNG de Carballo considera que o sucedido en Baldaio evidencia a necesidade dun compromiso estable por parte da Administración autonómica. «Baldaio forma parte da identidade de Carballo e a súa conservación é unha responsabilidade colectiva. Non abonda con intervencións puntuais cando xorde o problema; é imprescindible unha planificación que garanta a correcta xestión deste espazo natural», sinalan.
A formación nacionalista conclúe que non se pode normalizar que a lagoa sufra periodicamente os mesmos episodios de peche nin deixar desamparadas ás mariscadoras e mariscadores, que soportan directamente as consecuencias ambientais e económicas desta situación.