
Arteixo. Hai apenas uns días, Faro da Costa facía pública a situación de abandono que presentan as parcelas urbanas situadas na Travesía de Meicende, entre os edificios dos números 11, 13, 15 e 17. Unha problemática que, lonxe de resolverse, continúa xerando preocupación e indignación entre os veciños da zona.
Segundo puido comprobar este xornal no propio lugar, a maleza continúa ocupando practicamente a totalidade das parcelas. As actuacións de mantemento limítanse a unha pequena franxa xunto á beirarrúa, mentres o interior permanece completamente invadido pola vexetación, que nalgúns puntos supera os tres metros de altura.
Os residentes levan máis de dous anos denunciando esta situación e alertan dos problemas que provoca o abandono destes terreos: proliferación de insectos e roedores, deterioro da imaxe urbana e un evidente incremento do risco de incendio, especialmente durante a época estival.
Tras a publicación realizada por Faro da Costa, a formación Alternativa Enxebre tamén se fixo eco da situación, reclamando ao Goberno municipal que actúe con urxencia. A formación lembra que o Concello dispón de mecanismos legais para requirir aos propietarios das parcelas o seu correcto mantemento e, no caso de incumprimento, executar subsidiariamente os traballos e repercutir posteriormente os custos.
Desde Alternativa Enxebre consideran que a falta de actuación evidencia unha deficiente xestión da Concellería de Medio Ambiente e denuncian que, mentres os problemas se acumulan, os veciños seguen convivindo cunha situación que consideran inadmisible nunha zona urbana.
Polo momento, as parcelas continúan no mesmo estado de abandono denunciado por este medio días atrás, sen que se teñan observado actuacións que permitan solucionar unha problemática que leva demasiado tempo afectando á veciñanza.

