Veciños denuncian a falta de desbroce detrás do Concello da Laracha: «É unha vergoña»

Veciños da Laracha amosaron o seu malestar polo estado dunha zona situada detrás da Casa do Concello, onde aseguran que a maleza medrou de maneira considerable e que mesmo é habitual ver ratas durante as primeiras horas da mañá.

As críticas xorden ao comparar esta situación cos traballos de desbroce que se están a realizar en distintas aldeas do municipio. Segundo denuncian, mentres se actúa noutras zonas, a contorna do propio Concello presenta un estado de abandono que consideran impropio dun espazo céntrico e moi transitado.

Os veciños reclaman ao Goberno local que revise o estado deste lugar e actúe con rapidez para limpar a maleza e evitar posibles problemas de salubridade. «É unha vergoña para o pobo», sinalan, insistindo na necesidade de manter en boas condicións tanto o casco urbano como o resto das parroquias do municipio.

A queixa foi difundida a través das redes sociais, onde varios veciños piden ao Concello da Laracha que tome medidas canto antes para mellorar a imaxe e a seguridade da zona.