
O BNG de Bergantiños celebrará este xoves, 23 de xullo, un acto de homenaxe a catro establecementos comerciais da comarca que destacan polo seu compromiso coa normalización do uso da lingua galega na súa actividade diaria.
A entrega dos premios terá lugar ás 20:00 horas na Eira Bar, en Ponteceso, nun encontro que contará coas intervencións de Fátima Rodríguez, Daniel Pérez e Olalla Rodil, representantes da formación nacionalista.
Nesta edición, os negocios distinguidos son Fíos de Cores, de Ponteceso; Libraría Risón, de Laxe; María Moda, da Laracha; e Lenda, de Carballo. O BNG destaca que estes establecementos constitúen un exemplo de compromiso co uso e a promoción do galego no ámbito comercial, contribuíndo á súa visibilidade e normalización na vida cotiá.
Con esta iniciativa, o BNG de Bergantiños pretende poñer en valor o papel do tecido comercial da comarca como axente activo na defensa e promoción da lingua propia de Galicia, recoñecendo o esforzo daqueles negocios que incorporan o galego de maneira habitual na atención á clientela, na comunicación e na súa identidade empresarial.
O acto será aberto ao público e servirá tamén para reivindicar a importancia de seguir impulsando o uso social do galego en todos os ámbitos da vida económica e comercial da comarca.