O BNG de Laxe anuncia que o arranxo da senda da Torre será unha realidade grazas a unha subvención da Deputación

O BNG de Laxe recibiu a visita do deputado provincial de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas Brión, quen trasladou aos representantes nacionalistas o estado da subvención nominativa destinada ao arranxo da senda da Torre. Segundo explicou, a actuación poderá executarse finalmente, facendo realidade unha demanda histórica da veciñanza.

Desde o BNG de Laxe lembran que levan anos reclamando ao goberno municipal do Partido Popular unha solución para o deterioro deste camiño real, de grande valor patrimonial e moi utilizado por veciños e visitantes. Ante a falta de avances por parte do executivo local, a formación nacionalista propuxo que o Concello solicitase unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para financiar a intervención.

O BNG destaca que a insistencia, o traballo e a presión política exercida durante todo este tempo resultaron determinantes para que o proxecto saíse adiante. A formación considera que esta actuación suporá unha importante mellora para a conservación do patrimonio local e para a posta en valor dun dos espazos máis emblemáticos do municipio.

Os nacionalistas agradecen a implicación da Deputación da Coruña e, en particular, do deputado Xosé Luís Penas Brión, por impulsar unha solución que permitirá recuperar a senda da Torre, respondendo así a unha reivindicación que o BNG de Laxe leva defendendo desde hai anos.