
O BNG da Laracha denuncia un novo episodio de vertido incontrolado de residuos no noso concello, unha práctica incívica que supón un grave atentado contra o medio natural, un patrimonio que pertence a toda a veciñanza.
Desde a formación nacionalista sinalan que este tipo de actuacións parecen ir en aumento e lembran que, aínda que existen aspectos do servizo de recollida de residuos que deben mellorarse —como a frecuencia da recollida do lixo ou os tempos de espera do servizo de recollida de voluminosos porta a porta—, nada pode xustificar o abandono ilegal de residuos na contorna.
Especial preocupación esperta a presenza de materiais potencialmente altamente contaminantes, como restos de aceites e outros residuos que poden causar importantes danos ambientais se non son tratados de maneira adecuada.
O BNG fai un chamamento á responsabilidade individual e colectiva para preservar os espazos naturais e manter limpo o concello. Así mesmo, anima á cidadanía a denunciar este tipo de comportamentos ante as autoridades competentes, co obxectivo de identificar ás persoas responsables e evitar que estes feitos volvan repetirse.
«A defensa do noso medio ambiente é unha responsabilidade compartida. Coidar do concello é unha tarefa de todas e todos», conclúen desde o BNG da Laracha.

