


A Asociación O Quinteiro de Buño deu a coñecer a programación das próximas semanas, cun calendario de actividades que combinará música, tradición e celebración popular durante o mes de agosto.
A primeira gran cita será o 7 de agosto, coa celebración do II Festival Folk O Quinteiro de Buño, unha xornada dedicada á música tradicional que reunirá artistas e público nun ambiente festivo para poñer en valor a cultura popular galega.
Os días 8 e 9 de agosto chegarán as tradicionais Festas na honra de Santa Filomena, unha celebración que volverá converter Buño nun punto de encontro para veciñanza e visitantes, cun programa pensado para manter vivas as tradicións e fomentar a convivencia.
A programación continuará o 12 de agosto cun evento moi especial coincidindo co eclipse. A banda A Máquina de Meter Medo será a encargada de poñer a banda sonora a esta singular xornada, ofrecendo un concerto que promete converter este fenómeno astronómico nunha experiencia única para o público asistente.
Con esta programación, O Quinteiro de Buño reafirma a súa aposta pola dinamización cultural e social da parroquia, promovendo actividades para todos os públicos que combinan patrimonio, música e tradición ao longo dun dos meses máis destacados do verán.