Alternativa Enxebre denuncia o perigo de varios eucaliptos xunto a vivendas en Santa Locaia e esixe unha actuación inmediata do Concello

Arteixo. Alternativa Enxebre denunciou a situación de risco que, segundo asegura, padecen os veciños do núcleo de Santa Locaia, na parroquia de Loureda, debido á presenza de varios eucaliptos de grandes dimensións situados a escasos metros de dúas vivendas.

A formación explica que este problema leva máis dunha década sen resolverse e lembra que no ano 2021 un dos eucaliptos caeu sobre o peche dunha das propiedades. Segundo indica, a Policía Local desprazouse ata o lugar e elaborou o correspondente informe, pero afirman que, malia a gravidade do sucedido, non se adoptou ningunha medida para eliminar o risco existente.

Alternativa Enxebre considera «inadmisible» que cinco anos despois do incidente a situación continúe sen cambios e acusa ao Concello de Arteixo de non actuar para garantir a seguridade das persoas que residen na zona.

A formación tamén critica a falta de actuación da Concellería de Medio Ambiente, asegurando que non se ofreceron solucións nin se impulsaron medidas preventivas para resolver este problema, a pesar de tratarse dun risco coñecido desde hai anos.

Segundo sinala Alternativa Enxebre, este caso non sería un feito illado. Aseguran que están a detectar situacións similares noutros núcleos do municipio, onde a presenza de árbores de grandes dimensións próximas ás vivendas, a falta de mantemento e a acumulación de vexetación seca incrementan o risco de caída de árbores e tamén de incendios forestais.

Por este motivo, a formación reclama ao Goberno municipal unha actuación urxente que inclúa a inspección das zonas afectadas e a adopción das medidas necesarias para garantir a seguridade das vivendas e dos seus ocupantes, así como para reducir o risco de incendios.

Alternativa Enxebre conclúe que a prevención debe ser unha prioridade das administracións públicas e sostén que o Concello de Arteixo ten a responsabilidade de actuar antes de que se produzan novos danos ou consecuencias de maior gravidade.