
Mazaricos. A Plataforma Salvemos A Ruña fixo pública unha nova crítica ao BNG, ao que acusa de manter «dous modelos enerxéticos enfrontados» segundo estea na oposición ou no goberno municipal.
Segundo a plataforma, cando o Partido Popular goberna nun concello, o BNG defende un desenvolvemento eólico «sustentábel, con respecto ao territorio e coa riqueza da nosa enerxía quedando en Galiza». Pola contra, sosteñen que nos municipios onde gobernan os nacionalistas «repítese o mesmo modelo que se lle critica ao PP», citando como exemplo o caso de Mazaricos e o conflito arredor da balsa da Ruña.
A entidade denuncia o que cualifica de «ecocidio do glaciar da Ruña» e asegura que leva desde o ano 2022 solicitando unha reunión coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sen obter resposta. A plataforma afirma que, tras catro anos de peticións, «nin ela nin ningún dirixente do BNG se dignou ao simple diálogo», polo que reclama unha explicación pública.
Así mesmo, a Plataforma Salvemos A Ruña asegura que a recente resolución favorable da avaliación de impacto ambiental da planta de biogás prevista para Mazaricos reforza as súas preocupacións sobre a política ambiental do BNG. Neste sentido, considera que a formación nacionalista está a actuar de maneira diferente segundo o lugar onde exerce responsabilidades de goberno.
Como exemplo, sinala que o BNG apoia as reivindicacións da plataforma Stop Biogás A Laracha, nun municipio gobernado polo PP, mentres que, segundo a súa versión, non mantén contacto coa plataforma Stop Biometano Xallas-Barcala no caso do proxecto previsto en Mazaricos.
A plataforma conclúe que esta diferenza de actuación «non é seria» e expresa o seu desexo de estar equivocada, ao tempo que reclama coherencia, diálogo e un tratamento igualitario para todas as mobilizacións cidadás relacionadas con proxectos enerxéticos en Galicia.
Desde a Plataforma Salvemos A Ruña insisten en que continuarán defendendo a protección do territorio e reclamando transparencia e participación cidadá na toma de decisións sobre proxectos que consideran de elevado impacto ambiental.