
Coéns, Laxe. A Plataforma en Contra da Mina de Coéns manifestou a súa satisfacción tras coñecerse a resolución que denega o proxecto mineiro Don Sebastián, unha decisión que cualifica de «gran noticia» para as parroquias de Coéns e Gundar, para o municipio de Laxe e para toda a comarca.
Segundo destaca a plataforma, esta resolución supón un importante paso na defensa do territorio, do patrimonio natural e do modo de vida da veciñanza. O colectivo quixo compartir esta alegría con todas as persoas que, durante meses, participaron na loita contra o proxecto mineiro.
«Esta resolución é froito de moito esforzo, da constancia e da unión dos veciños e veciñas de Coéns, da Plataforma en Contra da Mina de Coéns e de todas as persoas que colaboraron de maneira completamente desinteresada», sinalan desde a organización.
A plataforma expresa o seu profundo agradecemento a todas as persoas que apoiaron a causa e que contribuíron a facer posible esta decisión administrativa, reafirmando que «Coéns está moi agradecido» por toda a solidariedade recibida.
Ao mesmo tempo, o colectivo critica a actitude mantida polo Concello de Laxe durante a tramitación do expediente. Segundo indican, ao longo de todo o proceso botouse en falta «un apoio firme» por parte da administración local, polo que consideran inxusto que agora pretenda atribuírse un mérito que, ao seu xuízo, corresponde á mobilización cidadá.
Porén, a Plataforma advirte de que esta vitoria non supón o final da loita. Asegura que continuará vixiando calquera novo intento de explotación mineira na zona, facendo especial referencia ao permiso de investigación Jorge Reyes, sobre o que tamén manterán a súa oposición.
Neste contexto, a organización confirma que a concentración convocada para o vindeiro xoves 30 ás 19:00 horas mantense, co obxectivo de celebrar esta importante resolución e, ao mesmo tempo, lanzar unha mensaxe clara de compromiso coa defensa do territorio.
A Plataforma conclúe cunha mensaxe de unidade e determinación:
«A terra deféndese. Coéns deféndese. Fornelos deféndese.»