
Camariñas, 25 de xullo de 2026. A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou este sábado en Camariñas na inauguración de «O Encaixe no Camiño», unha feira medieval que converte a vila nun punto de encontro para a historia, a cultura, a artesanía, a gastronomía e a música.
Durante o acto inaugural, Do Campo puxo en valor esta iniciativa como un exemplo de colaboración para crear un produto turístico diferencial, capaz de atraer visitantes e dinamizar a economía local, ao tempo que contribúe á posta en valor do patrimonio e das tradicións da Costa da Morte.
A representante da Xunta destacou que eventos como este reforzan a identidade do territorio e amplían a oferta turística máis aló da tempada estival, consolidando a comarca como un destino de referencia en Galicia.
Neste sentido, subliñou os bos datos turísticos da Costa da Morte, que continúa afianzándose como un dos xeodestinos con maior crecemento de Galicia. Segundo indicou, no que vai de ano rexistráronse preto de 42.000 viaxeiros, dos cales o 30,5 % son visitantes estranxeiros, unhas cifras que reflicten o crecente interese internacional por este territorio.
«O Encaixe no Camiño» ofrece durante a fin de semana un amplo programa de actividades que combina recreación histórica, mercado artesanal, actuacións musicais, demostracións de oficios tradicionais e propostas gastronómicas, converténdose nun atractivo máis para veciños e visitantes que escollen Camariñas como destino.



