Alternativa Enxebre cuestiona os nomeamentos accidentais dun auxiliar administrativo como secretario-interventor en Fisterra

Fisterra, 28 de xullo de 2026. Alternativa Enxebre denunciou este martes os sucesivos nomeamentos dun auxiliar administrativo do Concello de Fisterra para desempeñar de forma accidental as funcións de secretario-interventor tras a reincorporación do titular da praza en outubro de 2023. A formación reclama explicacións ao Goberno municipal sobre a cobertura legal destes nomeamentos e sobre se contaban coa preceptiva habilitación da Xunta de Galicia.

Segundo expuxo o concelleiro Francisco Martínez Traba, desde o regreso do secretario-interventor titular continuáronse aprobando decretos municipais para designar ao mesmo auxiliar administrativo durante vacacións, permisos, asuntos propios e outras ausencias temporais do funcionario habilitado.

Desde Alternativa Enxebre consideran que esta situación debe ser aclarada, ao entender que o desempeño accidental dun posto reservado a funcionarios con habilitación de carácter nacional require da correspondente autorización por parte da Xunta de Galicia. A formación asegura que, ata o momento, non se xustificou publicamente se esa habilitación existía.

A denuncia sinala ademais que estes decretos foron asinados tanto polo anterior executivo local como polo actual, o que, ao seu xuízo, evidencia unha práctica mantida no tempo e que debe ser explicada con transparencia.

Martínez Traba lembrou tamén que hai unhas semanas xa cuestionara as retribucións percibidas por este auxiliar administrativo, unha cuestión que, segundo afirma, quedou sen resposta por parte do alcalde durante unha sesión plenaria.

«Agora resulta aínda máis necesario aclarar baixo que cobertura legal se realizaron todos estes nomeamentos, se existía a correspondente habilitación da Xunta de Galicia e que retribucións públicas foron percibidas como consecuencia do desempeño accidental destas funcións», manifestou o edil.

Alternativa Enxebre sostén que a veciñanza de Fisterra ten dereito a coñecer se estes nomeamentos se realizaron conforme á legalidade e anuncia que continuará exercendo o seu labor de control e fiscalización ata que o Goberno municipal ofreza unha explicación «completa e documentada».

«O que pedimos é moi sinxelo: transparencia, legalidade e explicacións. Se existía unha habilitación da Xunta de Galicia, que se faga pública. E, se non existía, o Goberno municipal debe explicar por que continuou realizando estes nomeamentos durante todo este tempo», concluíu Francisco Martínez Traba.

Polo momento, o Goberno municipal de Fisterra non realizou manifestacións públicas sobre as cuestións expostas por Alternativa Enxebre.