
A larachesa Alejandra López Varela volveu facer historia ao proclamarse, por quinta vez consecutiva, campioa de España de ximnasia rítmica. O novo éxito chegou na competición de conxuntos da categoría xuvenil, formando parte do Club Batistana de Tenerife, durante os Campionatos de España celebrados en Santander.
Afincada en Tenerife xunto á súa familia larachesa —os seus pais son naturais de Lendo e Golmar—, Alejandra continúa levando o nome da Laracha ao máis alto nivel da ximnasia rítmica, consolidándose como unha das deportistas máis destacadas da súa categoría.
Este novo título ten un significado especial, xa que supón manter unha extraordinaria traxectoria de éxitos nos Campionatos de España. Nos cinco últimos nacionais nos que participou, Alejandra conseguiu subir ao máis alto do podio: catro títulos consecutivos na categoría cadete e este quinto xa na categoría xuvenil, demostrando a súa constancia, talento e excelente progresión deportiva.
Desde o Concello da Laracha trasladámoslle os nosos parabéns a Alejandra López Varela por este extraordinario logro, así como á súa familia, ao Club Batistana e ao seu equipo técnico, desexándolle moitos máis éxitos no futuro.