
Muros. O escritor galego Fran J. Leston lanzou un chamamento a través das redes sociais para localizar unha moza que asistiu o pasado sábado 25 á presentación da súa novela Campos de memoria no Museo do Mar de Muros e cuxa emoción durante o acto deixou unha fonda pegada no autor.
Nunha mensaxe chea de sensibilidade, Leston explica que levaba varios días dubidando se facer pública esta procura por medo a resultar inoportuno ou a que se malinterpretase a súa intención. Finalmente decidiu compartir a historia movido por “unha curiosidade que nace desde un lugar bonito”.
Segundo relata, entre todas as persoas que asistiron á presentación houbo unha moza que lle chamou especialmente a atención. “Lembro a súa emoción. Lembro a súa mirada. Lembro que falamos uns minutos e que me dixo o seu nome, pero a miña memoria para esas cousas nunca foi demasiado boa”, sinala o escritor, que recoñece que non lembra como se chama nin de onde é.
Máis alá dese breve encontro, o que permaneceu na memoria do autor foi a sensación de que a historia atopara naquela lectora “un lugar onde quedar”. Por iso, gustaríalle volver falar con ela para coñecer que foi o que máis a emocionou, que parte da presentación levou consigo ao regresar á casa e como a está acompañando a lectura de Campos de memoria, no caso de que xa comezase a lela.
Leston subliña que detrás deste chamamento non existe ningún outro motivo que “a curiosidade dun escritor que, de cando en vez, precisa escoitar o que acontece ao outro lado das palabras”. Considera que sería “algo fermoso” reencontrarse cunha lectora que viviu a presentación dunha maneira especialmente intensa.
O autor pide a colaboración de todas aquelas persoas que poidan coñecer a moza para facerlle chegar a mensaxe e anima á propia protagonista, se chega a lela, a poñerse en contacto con el, “só se lle apetece”.
A publicación xa comezou a ser compartida por numerosos lectores coa esperanza de que este reencontro sexa posible e de demostrar, unha vez máis, que as historias continúan moito despois de escribir a última páxina.