PSOE, PP e Sempre Corcubión únense para bloquear a apertura do Centro de Día

Corcubión, 31 de xullo de 2026. Hoxe é un dos días máis negros para o futuro de Corcubión. No pleno da corporación celebrado este xoves 30 de xullo, PSOE, PP e Sempre Corcubión decidiron unir os seus votos para impedir a aprobación do POS Único que permitía acceder aos fondos da Deputación e culminar a apertura do Centro de Día, unha das reivindicacións máis históricas e necesarias da nosa vila.

A proposta da alcaldía dentro de dito plan provincial incluía 66.899,61 euros para subministración de equipamento necesario para apertura do Centro de Día, e 33.100,76 euros para obras de mellora nas súas instalacións.

Despois de máis de vinte anos de promesas, atrasos e oportunidades perdidas, cando por primeira vez existía unha posibilidade real de abrir este servizo nesta lexislatura, a oposición decidiu poñerse do lado do bloqueo. Unha decisión absolutamente irresponsable e incomprensible que pode botar por terra anos de traballo e de xestión.

Co seu voto en contra non só poñen en risco os fondos comprometidos pola Deputación, senón tamén as achegas previstas por entidades privadas que apostaban por este proxecto. É dicir, están a dinamitar a viabilidade económica dun servizo esencial para as persoas maiores e para as súas familias.

A partir de hoxe, PSOE, PP e Sempre Corcubión deberán mirar á cara aos veciños e veciñas e explicarlles por que decidiron impedir que Corcubión conte cun Centro de Día. Deberán explicarlles ás persoas maiores por que lles negan un servizo que levan décadas reclamando, e ás súas familias por que prefiren o bloqueo á solución.

A cidadanía tamén ten dereito a preguntarse que alternativa ofrecen estes tres partidos. Porque votar en contra é moi doado, pero o que Corcubión necesita son solucións, non vetos nin cálculos partidistas.

O Goberno municipal seguirá traballando ata o último momento para intentar salvar este proxecto, pero non pode calar diante dunha decisión que pode supoñer perder unha oportunidade histórica para Corcubión.

A historia deixará constancia de quen loitou para abrir o Centro de Día e de quen decidiu impedilo no momento decisivo. Hoxe xa non hai escusas nin medias tintas: PSOE, PP e Sempre Corcubión asumiron a responsabilidade política de bloquear un proxecto chamado a mellorar a vida de toda a veciñanza.