O BNG critica as contradicións do PP coa reivindicación de elimininación das peaxes da AG-55

Os nacionalistas sinalan que o Partido Popular votou a favor da gratuidade da autovía nos plenos municipais da maioría de concellos de Bergantiños, Soneira e Fisterra, mentres na Xunta fai oídos xordos ao clamor social para que se supriman as peaxes

Bergantiños-Costa da Morte, 31 de xullo de 2026. O BNG vén de criticar as contradicións do Partido Popular respecto da reivindicación da eliminación das peaxes da autovía AG-55, e sinalou que os populares votaron a favor da súa moción sobre este tema na maioría dos concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, mentres que na Xunta de Galiza négase a quitalas e non atende ao clamor social para que se eliminen.

Os nacionalistas lembraron que en marzo iniciaron unha campaña en diferentes ámbitos para demandar a gratuidade da AG-55, ao tratarse dunha infraestrutura que é básica para o desenvolvemento social e económico de ditas comarcas.  

No eido institucional, o BNG presentou mocións nos plenos das localidades de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais do concello de Carnota. O PP votou a favor da iniciativa en todos os municipios da comarca de Bergantiños: Carballo,  Malpica, Laxe, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Coristanco e Ponteceso; ademais de Fisterra, Zas e Carnota. Abstívose en Cee, Corcubión, Dumbría, Vimianzo, e posicionouse en contra en Muxía e Camariñas.

A formación nacionalista tamén presentou unha moción no pleno da Deputación da Coruña, que foi aprobada co voto favorable de todos os grupos agás a abstención do PP. E no Parlamento galego, o deputado Oscar Insua presentou varias iniciativas para pedir a eliminación das peaxes, atopándose sempre coa oposición do Partido Popular.

O BNG cualificou como “decepción” o comportamento do PP na Xunta de Galiza, e indicou que resulta “sorprendente” a ambigüidade  dos populares. Os nacionalistas animaron aos concelleiros e concelleiras do Partido Popular das distintas localidades a reclamarlle ao Goberno galego que cumpra coa veciñanza das comarcas afectadas, ademais de explicar por que fai “oídos xordos” ao sentir maioritario que existe a favor da gratuidade da autovía.

Por último, a formación nacionalista subliñou que dá por rematada a fase institucional da campaña iniciada para reclamar a eliminación das peaxes, e sinalou que dá comezo a outras etapas da mesma.