


Patricia Iglesias Rey denuncia a falta de transparencia da Xunta na tramitación dos proxectos e reclama participación veciñal
Laxe, 31 de xullo de 2026. – O PSdeG-PSOE amosou o seu apoio ás mobilizacións contra os proxectos mineiros previstos na Costa da Morte, participando este xoves na concentración convocada pola Plataforma Contra a Mina de Coéns na praza dos Voluntarios de Laxe.
A protesta reuniu veciños e veciñas contrarios á Mina de Coéns, en Laxe, así como aos proxectos mineiros previstos nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas, concretamente na parroquia de Fornelos. Na mobilización tamén participou a Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos, en representación da veciñanza deste municipio.
Na concentración estiveron presentes a deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia Patricia Iglesias Rey, o voceiro socialista en Laxe, Francisco Vidal, e a voceira socialista en Zas, Sheila Rial Mata.
Iglesias Rey denunciou a falta de información e transparencia por parte da Xunta de Galicia na tramitación dos proxectos mineiros. “Cando un pobo sente que non foi informado nin escoitado, os seus representantes teñen a obriga de estar ao seu lado”, afirmou.
A deputada socialista puxo como exemplo o permiso de investigación mineira Jorge Reyes, que, segundo explicou, comezou a tramitarse en 2018 e foi finalmente autorizado en 2026.
Para Iglesias, este procedemento é “un exemplo de como a Xunta está a xestionar a política mineira, con pouca transparencia e de costas á cidadanía”. A socialista insistiu en que o PSdeG non se opón ao aproveitamento dos recursos mineiros, pero reclamou que calquera actuación neste ámbito se desenvolva con garantías para a poboación afectada.
“Ninguén cuestiona que Galicia poida aproveitar os seus recursos mineiros, nós non estamos contra a minería sostible, pero si estamos en contra da opacidade”, sinalou.
A deputada autonómica defendeu que os proxectos mineiros deben contar coa información e participación da cidadanía desde as primeiras fases da súa tramitación. “Só poden facerse con información, participación e respecto ás persoas que viven e traballan no rural”, apuntou.
Neste sentido, criticou que os veciños poidan coñecer agora a existencia de expedientes que levan anos en tramitación e que poden ter consecuencias sobre as súas terras e os seus modos de vida.
“Desde o PSdeG imos seguir defendendo os intereses da Costa da Morte no Parlamento e nos concellos afectados, esixindo transparencia, planificación e que a voz da veciñanza conte antes de tomar decisións, non cando xa están tomadas”, asegurou Patricia Iglesias.
A deputada socialista concluíu reivindicando a necesidade de contar co territorio e coa súa poboación á hora de deseñar a política mineira de Galicia: “Non se pode gobernar de costas ao territorio”.