
As profesionais aseguran que levan meses advertindo dos problemas derivados da chegada da nova empresa concesionaria e advirten de que non permitirán que se destrúa un servizo público esencial
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Muxía aseguran que chegaron ao límite e denuncian a situación laboral que están a vivir desde a entrada da nova empresa concesionaria, Mayores AO Servicios Sociales, á xestión do servizo municipal.
As profesionais lembran que, antes da licitación, mantiveron contactos co Concello de Muxía para trasladar as súas preocupacións e recibiron o compromiso de que se respectarían os dereitos laborais existentes coa anterior concesionaria. Porén, segundo denuncian, os compromisos non se estarían cumprindo.
«As traballadoras do SAF coidamos das persoas máis vulnerables e non imos permitir que se destrúa un servizo público esencial», sinalan, ao tempo que reclaman unha solución inmediata aos problemas que, segundo explican, se veñen producindo desde o primeiro día da nova concesión.
As profesionais aseguran que o Concello está ao tanto da situación e que levan meses denunciando os problemas, tanto laborais como os que afectan directamente ás persoas usuarias do servizo. Critican que, malia as reiteradas queixas, senten que «se fai oídos xordos» ás súas reclamacións.
Horarios que non se adaptan ás necesidades das persoas dependentes
Un dos principais motivos de preocupación ten que ver coa organización dos horarios de atención. As traballadoras poñen como exemplo o caso de persoas usuarias ás que se lles presta o servizo de comida ás 12:00 horas un día e ás 15:00 horas ao día seguinte, uns horarios que, segundo denuncian, non se corresponden coas súas necesidades.
«Estamos falando de persoas en situación de dependencia que necesitan unha atención adaptada e estable. Non se pode organizar o servizo sen ter en conta as súas necesidades», reivindican.
Outro dos problemas que sinalan é o cambio continuo de auxiliares, unha situación que, segundo explican, afecta especialmente ás persoas maiores e dependentes, ao romper o vínculo de confianza que se establece entre a persoa usuaria e a profesional que a atende.
Queixas das familias e das persoas usuarias
As traballadoras aseguran que as súas preocupacións non son illadas. Segundo indican, as familias e as propias persoas usuarias tamén están a trasladar queixas polo funcionamento do servizo.
«Queixanse as familias, queixanse as persoas usuarias e queixámonos nós», explican as profesionais, que consideran que a situación require unha resposta por parte do Concello.
As traballadoras defenden que o SAF é un servizo público esencial, especialmente nun concello no que presta atención a persoas maiores, dependentes e en situación de especial vulnerabilidade.
Por este motivo, reclaman ao Concello de Muxía que interveña, escoite as traballadoras e as familias e adopte as medidas necesarias para garantir tanto os dereitos laborais das profesionais como unha atención de calidade ás persoas usuarias.
As traballadoras aseguran que seguirán denunciando a situación e defendendo un servizo público que consideran fundamental para a veciñanza de Muxía.
«Nós coidamos das persoas máis vulnerables. O que pedimos é que tamén se coide o servizo e ás profesionais que o fan pos