
Os socialistas cuestionan que se recuperen proxectos redactados hai anos e critican os 7.500 euros previstos para un novo proxecto de reurbanización de Oca
Coristanco, 5 de agosto de 2026. — O Grupo Municipal Socialista de Coristanco considera que a recente modificación extraordinaria de crédito aprobada polo Concello “evidencia a falta de planificación” do goberno local e cuestiona a xestión dos recursos públicos.
O voceiro socialista, José Manuel Pérez Abelenda, asegura que varias das actuacións incluídas na modificación non son novas iniciativas, senón proxectos que xa foran redactados e aprobados anos atrás. Segundo explica, o executivo municipal limítase “a pouco máis que reutilizar proxectos xa existentes”.
Entre os exemplos sinalados polo PSOE atópase a implantación de dous parques infantís, cuxos proxectos, segundo os socialistas, foron elaborados no ano 2022 e permaneceron sen executar desde entón.
“En lugar de explicar por que permaneceron sen executarse durante todo este tempo, o goberno municipal incorpóraos agora a unha modificación de crédito coma se se tratase de novas actuacións, cando en realidade son proxectos xa existentes”, afirma Pérez Abelenda.
O caso da reurbanización de Oca
A formación socialista pon especialmente o foco na partida de 7.500 euros destinada á redacción dun novo proxecto para a reurbanización de Oca.
Pérez Abelenda lembra que esta actuación xa fora proposta polo PSOE en 2021 e que o correspondente proxecto foi redactado e aprobado en 2022, co voto favorable da Corporación Municipal. Segundo os socialistas, aquela redacción supuxo un custo de 4.700 euros para as arcas municipais e a actuación estaba ademais incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación.
“A pregunta é evidente: que ocorreu co proxecto xa aprobado e pagado polo Concello?”, cuestiona o portavoz socialista. Ao seu xuízo, “se existía un proxecto tecnicamente válido, aprobado tamén favorablemente polo alcalde no seu momento, non se entende que agora se destinen novamente fondos públicos para redactar outro”.
O PSOE considera especialmente relevante que o novo gasto previsto ascenda a 7.500 euros, fronte aos 4.700 euros que, segundo a formación, custara o proxecto anterior.
Reclaman explicacións ao goberno municipal
Para José Manuel Pérez Abelenda, esta forma de actuar “xera serias dúbidas sobre a planificación do goberno municipal” e supón “un gasto dificilmente xustificable”.
Os socialistas defenden que a veciñanza debe coñecer os motivos polos que se volven destinar fondos municipais a actuacións que, segundo denuncian, xa foran proxectadas e sufragadas con anterioridade.
“Dende o Grupo Municipal Socialista consideramos que a prioridade debe ser executar os investimentos comprometidos, optimizar os recursos municipais e evitar duplicidades que unicamente incrementan o gasto”, conclúe o voceiro socialista.