O BNG de Cee critica que Lires teña que recorrer a cisternas para garantir auga potable en pleno verán

Cee. O problema do abastecemento de auga potable volve situarse no centro do debate político en Cee. O BNG denuncia que Lires tivo que recorrer novamente a unha cisterna para encher o depósito de distribución da localidade o pasado venres 31 de xullo, antes mesmo de comezar o mes de agosto, tradicionalmente o período de maior demanda de auga.

A formación nacionalista lembra que xa trasladou en varias ocasións esta problemática aos plenos municipais, reclamando que o Concello aproveitase os plans de obras da Deputación da Coruña ou mesmo o remanente de tesourería para acometer a chegada da traída municipal a Lires.

Segundo o BNG, unha actuación deste tipo permitiría tamén dar servizo a Porcar e A Lagoa, xa que a canalización pasaría preto destas localidades, onde os problemas de abastecemento tamén se veñen repetindo nos últimos veráns.

Os nacionalistas critican que estas propostas non fosen atendidas polo goberno municipal e consideran que se optou por outras actuacións que, ao seu xuízo, non responden ás necesidades máis urxentes da veciñanza.

Neste sentido, poñen como exemplo a remodelación do espazo da festa de Lires e a retirada do antigo palco. O BNG considera que se priorizaron actuacións de carácter máis «populista» fronte a investimentos destinados a resolver problemas básicos de servizos públicos.

A formación cuestiona así que, mentres Lires precisa camións cisterna para garantir a subministración de auga potable en pleno verán, o Concello estea asumindo o custo destas solucións provisionais en lugar de avanzar cara a unha solución definitiva.

Para o BNG, a situación evidencia a necesidade de establecer prioridades no investimento municipal. «Na política, como na vida mesma, como na casa de cada un de nós, debe de haber prioridades porque os cartos non son infinitos», sinalan.

Os nacionalistas empregan unha comparación para resumir a súa posición: se unha familia ten unha vivenda na que entra auga porque o tellado está en mal estado, explican, a prioridade debería ser arranxar o tellado antes de gastar 3.000 euros nun sofá novo. «Pois gobernando un concello debería ser igual», conclúen.