
Xa non fai falta viaxar ata Cangas de Onís para gozar dunha emocionante baixada en kaiak. Este verán, Ponteceso ofrece unha nova alternativa de ocio e aventura da man de Surca, unha empresa que permite descubrir a contorna do río Anllóns desde a auga.
A proposta está pensada tanto para aquelas persoas que queren iniciarse no mundo do kaiak como para quen busca vivir unha experiencia completa percorrendo o río. Surca ofrece a posibilidade de alugar kaiaks por horas ou realizar o percorrido completo acompañado por un monitor experimentado, garantindo unha actividade segura e adaptada aos participantes.
O percorrido ten unha distancia aproximada de 7 quilómetros, unha oportunidade perfecta para gozar da paisaxe de Ponteceso desde unha perspectiva diferente e vivir unha xornada de aventura en plena natureza.
Os kaiaks, de alta calidade e preparados para dúas persoas adultas, entréganse con todo o equipamento necesario para realizar a actividade. O servizo inclúe chalecos salvavidas para todos os usuarios, remos ergonómicos e unha breve formación sobre técnicas básicas de remo e seguridade na auga.
En canto aos prezos, o alugueiro ten un custo de 15 euros a primeira hora e 10 euros por cada hora adicional. Tamén existe a posibilidade de contratar a actividade por medio día, por 30 euros, ou xornada completa, por 50 euros.
Pero a oferta de Surca non remata no kaiak. A empresa tamén organiza excursións de pesca e rutas en barco, unha oportunidade para descubrir desde o mar algúns dos recunchos e segredos mellor gardados da Costa da Morte.
Con esta proposta, Ponteceso suma unha nova actividade de turismo activo para este verán, combinando deporte, natureza e aventura nun contorno privilexiado.
Para obter máis información e consultar as actividades dispoñibles, pódese visitar www.surcaponteceso.es.


