Sr. Romar, comprácenos que nos nomee publicamente de maneira constante. Iso significa que Faro da Costa está a facer ben o seu traballo: informar á cidadanía con rigor e contrastando a información. Este non é ningún chiringuito, senón un medio de comunicación independente comprometido coa veracidade.
Resulta curioso escoitalo falar de victimismo. Cando a directora deste medio foi vítima de ataques persoais, vulnerándose o seu dereito á propia imaxe e á intimidade, vostede optou por gardar silencio. Tamén calou cando determinados perfís falsos do seu contorno difundían acusacións gravísimas, chegando a afirmar sen ningunha proba que a directora deste medio e o seu marido tiñan antecedentes e eran persoas perigosas.
Calou tamén cando fotografías da familia da nosa directora circulaban por grupos de WhatsApp. Calou cando perfís como Ana Clara Nayara ou Jordy Pascual lanzaban insultos e difamacións sen achegar ningunha evidencia. Ese silencio tamén é unha forma de actuar.
Todas as informacións publicadas en Faro da Costa son contrastadas e poden ser demostradas. En relación coa dedicación exclusiva, non é unha interpretación nosa. A normativa é clara: o artigo 75.1 da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, xunto coa Lei 53/1984 de Incompatibilidades, establece as limitacións aplicables aos cargos con dedicación exclusiva. Ademais, os contratos realizados en Val do Dubra no ámbito da súa actividade privada forman parte da información pública accesible a través dos correspondentes portais de transparencia.
Tamén sorprende que cando durante anos se difundiron rumores e acusacións sen demostrar contra a anterior alcaldesa e a súa familia, vostede volvese optar polo silencio. A diferenza é que nós informamos con feitos e documentos, non con rumores.
Por outra banda, non somos responsables de que a asemblea xeral dun dos seus amigos contase coa asistencia de apenas cinco socios dun total de 180, nin tampouco dos conflitos que outro dos seus achegados mantivo cunha asociación de festas dun lugar do concello de Outes.
En canto á dedicación exclusiva, seguimos sen comprender como esa situación puido ser avalada nun pleno municipal. Ao noso xuízo, é unha cuestión que merece todas as explicacións posibles e unha maior transparencia.
Mentres tanto, Santa Comba continúa acumulando problemas. Quizais sería máis útil dedicar menos tempo ás fotografías e ás redes sociais e máis tempo á xestión municipal. Porque a realidade é evidente para moitos veciños: o concello continúa perdendo oportunidades e, en demasiados aspectos, segue unha preocupante liña de decadencia.
A crítica política forma parte da democracia, pero tamén o fan a transparencia, a responsabilidade e a rendición de contas. Iso é o que a cidadanía merece.
En Malpica o PP di que somos da oposición, en Santa Comba somos do Pp segundo vostede, a realidade é que somos Anticorrupción.