A Festa do Longueirón de Laxe, todo un éxito: 100 quilos degustados en menos dunha hora

A III Xornada de Degustación da Navalla-Longueirón da Lonxa de Laxe reuniu a centos de persoas na praza Ramón Juega

A III Xornada de Degustación da Navalla-Longueirón da Lonxa de Laxe, celebrada o venres á noitiña, foi todo un éxito de asistencia e participación. Centos de persoas achegáronse ata a carpa instalada na praza Ramón Juega para gozar dun dos produtos máis emblemáticos e apreciados da lonxa laxense.

Durante a xornada repartíronse de maneira gratuíta arredor de 600 racións de navalla-longueirón, nunha degustación que permitiu aos asistentes saborear a calidade deste produto do mar.

O interese foi tal que se chegaron a degustar aproximadamente 100 quilos de navalla-longueirón en menos dunha hora, unha cifra que dá boa mostra da enorme acollida que tivo esta iniciativa.

A festa converteuse así nunha auténtica celebración do produto local e da tradición mariñeira de Laxe, reunindo veciñanza e visitantes arredor dun produto fresco, de proximidade e directamente ligado á actividade da súa lonxa.

Desde a organización destacaron a satisfacción polo resultado desta terceira edición e agradeceron a participación de todas as persoas que se achegaron a desfrutar desta xornada gastronómica, que volveu poñer en valor a navalla-longueirón de Laxe e o traballo do sector marisqueiro local.

Unha vez máis, a gastronomía e os produtos do mar demostraron ser un excelente punto de encontro para celebrar e reivindicar a riqueza do litoral de Laxe.