A Carballeira volveu ser, un ano máis, punto de encontro para a música e a convivencia en Zas

A Carballeira de Zas volveu converterse esta fin de semana no epicentro da música, da cultura e da convivencia coa celebración da 41ª Festa da Carballeira, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio e que reuniu a milleiros de persoas ao longo de toda a fin de semana.

A programación, deseñada para todos os públicos, encheu de vida este espazo natural desde o mediodía ata ben entrada a madrugada, cunha ampla variedade de propostas que combinaron folk, música tradicional, electrónica, foliada, espectáculos familiares, artesanía e gastronomía.

Un ano máis, a Festa da Carballeira destacou pola súa capacidade para reunir xeracións arredor da música e da cultura galega, nun ambiente marcado pola convivencia, a participación e o desfrute colectivo. As diferentes actividades permitiron vivir a Carballeira dun xeito especial, facendo deste encontro moito máis ca un festival musical.

Desde o Concello de Zas queremos trasladar o noso agradecemento a todas as persoas que fixeron posible esta 41ª edición e, de maneira especial, a Castro Meda, aos voluntarios e voluntarias e a todas as persoas que vos achegastes á Carballeira para participar, desfrutar e facer vosa esta festa.

A implicación de todas e todos volveu demostrar que a Festa da Carballeira é unha celebración construída entre a organización, o tecido asociativo, as persoas voluntarias e o público, que ano tras ano contribúen a manter viva unha das grandes citas culturais de Zas.

Unha fin de semana de música, tradición e convivencia que deixa moi bos recordos e que confirma, unha vez máis, que a Carballeira segue sendo un punto de encontro para a cultura e para a xente.