
Sol Agra participou en Cee na entrega do premio do I Certame Batallón Literario da Costa da Morte
A Deputación da Coruña estivo representada onte por Sol Agra, titular da área de Lingua, na entrega do premio do I Certame Batallón Literario da Costa da Morte, celebrada no Auditorio Baldomero Cores de Cee. No acto participaron tamén os concelleiros do BNG de Cee e Dumbría, Serxio Domínguez e Xaime Trillo.
Durante a súa intervención, Agra puxo en valor a historia e o legado do Batallón Literario da Costa da Morte, definido como «unha desorganización organizada que naceu para levar a poesía á rúa, a cativos e maiores, e demostrar que a Costa da Morte era o epicentro do máis activo fervedoiro literario do país».
A responsable provincial de Lingua salientou o carácter reivindicativo e transformador desta iniciativa, que converteu a literatura e a poesía en ferramentas de participación e compromiso social. «O Batallón literario foi un referente de activismo social organizado, de rebeldía comprometida, e demostrou que a poesía podía ser un revulsivo para a mobilización de conciencias», afirmou.
Agra destacou tamén o papel da Costa da Morte como territorio de defensa da lingua e da identidade galegas e asegurou que a Deputación continuará apoiando iniciativas neste ámbito. «Desde as súas áreas de Cultura, Lingua, Igualdade e Dereitos Civís, seguirá apoiando as iniciativas que reforcen a nosa cultura, lingua e identidade», sinalou.
Neste sentido, lembrou o apoio da institución provincial ao certame escolar ‘Falemos + galego’, no que participan centros educativos da Costa da Morte, así como ás asociacións culturais e aos festivais de música en galego dos distintos concellos.
A responsable de Lingua aproveitou finalmente o acto para reivindicar a necesidade de manter vivo o espírito do Batallón Literario. «Seguimos precisando Batallóns porque a situación da lingua non mellorou», advertiu, ao tempo que reclamou un maior uso do galego en todos os ámbitos da sociedade: «Precisamos que se use en cada contexto, non só no poético e no institucional».
A entrega do premio do primeiro certame recupera así a memoria dunha das experiencias literarias e culturais máis significativas da Costa da Morte e pon de manifesto a vixencia do seu espírito de compromiso coa creación, coa lingua galega e coa identidade do territorio.