Veciños de Arteixo denuncian novos actos de incivismo no río

Veciños de Arteixo amosan a súa preocupación polos reiterados actos de incivismo que se están a producir nalgunhas zonas do municipio. Onte, segundo denuncian, alguén tirou ao río unha CPU, un residuo que nada ten que facer nun espazo natural.

Non sería, ademais, un feito illado. En ocasións anteriores apareceron tamén no río obxectos como unha bicicleta e mesmo un carro de bebé, segundo relatan os residentes.

Os veciños consideran especialmente grave este tipo de comportamentos, tanto polo dano que causan ao medio ambiente como pola imaxe que ofrecen do municipio. «Isto xa non é un descoido, é maldade», lamentan algúns residentes.

Ante esta situación, reclaman medidas que permitan identificar e sancionar aos responsables. Entre as propostas dos veciños está a instalación de cámaras de vixilancia en puntos estratéxicos, especialmente nas zonas onde se producen con maior frecuencia estes vertidos.

Os residentes agardan que se adopten medidas para evitar que o río continúe converténdose nun lugar onde abandonar todo tipo de residuos e obxectos.