Queixas veciñais polo abandono e a sucidade do río Anllóns

Veciñanza e usuarios do río Anllóns amosan a súa preocupación polo estado no que se atopa actualmente o río, especialmente nalgúns tramos do seu percorrido. A escaseza de auga, propia desta época, non é o único problema: a acumulación de táboas, troncos, ramas e outros restos está a provocar unha preocupante sensación de abandono.

Un paseo polas marxes do Anllóns permite comprobar a necesidade dunha limpeza e labores de mantemento con carácter urxente, segundo denuncian os veciños. Reclaman que se retiren os elementos acumulados no leito e nas ribeiras e que se realicen actuacións periódicas para evitar que a situación vaia a máis.

«É unha pena o estado no que se atopa o río, e non só pola escaseza de auga. Necesita unha limpeza urxente de táboas, troncos, ramas e outros restos», sinalan as persoas que trasladan estas queixas.

As reclamacións van máis alá do propio río. A veciñanza pide ás administracións que prioricen o mantemento dos espazos públicos, incluíndo parques, rúas, zonas verdes e contornas naturais.

«En vez de gastar diñeiro en cousas innecesarias, deberíanse facer boas inversións no mantemento do río, dos parques e das rúas», reclaman, ao tempo que solicitan unha maior atención e planificación para conservar en boas condicións os espazos públicos.

O río Anllóns constitúe un importante patrimonio natural e ambiental da comarca, polo que os veciños consideran fundamental que se lle preste a atención necesaria e que se adopten medidas para mellorar o seu estado e evitar o seu deterioro.