O BNG de Laxe denuncia a falta de baños durante as festas e reclama unha solución ao Concello

O BNG de Laxe critica a falta de baños públicos durante as festas da localidade, unha situación que, segundo denuncia a formación nacionalista, está provocando problemas de hixiene e salubridade.

Os nacionalistas aseguran que a ausencia de aseos está levando algunhas persoas a realizar as súas necesidades na praia, nas rúas e mesmo diante das portas das vivendas de veciñas e veciños.

Desde o BNG sinalan que a comisión de festas xa solicitou a colaboración do Concello para buscar unha solución, argumentando que se trata dunha cuestión de carácter «estritamente sanitario».

A formación considera que a instalación de baños durante os períodos festivos non debe entenderse como un luxo, senón como unha medida básica para garantir a hixiene, a salubridade e o respecto pola veciñanza.

O BNG reclama así ao Concello que adopte as medidas necesarias para evitar que esta situación se repita e garantir unhas condicións adecuadas durante a celebración das festas de Laxe.