
A formación nacionalista alerta do deterioro das instalacións a poucas semanas do inicio do curso escolar
A Laracha, 20 de agosto de 2026. O BNG da Laracha denuncia o que considera un “desleixo” do Goberno municipal no mantemento do CEIP de Caión, tras coñecer de primeira man as deficiencias do centro nunha reunión mantida con representantes da ANPA A Balea.
Segundo trasladaron desde a asociación de nais e pais, o colexio presenta diversos problemas de conservación que son visibles a simple vista. Entre eles, a caída da pintura dos teitos exteriores, ferros á vista nos marcos das fiestras ou o avanzado estado de corrosión do portal de entrada. A formación nacionalista sinala que estas deficiencias continúan sen ser atendidas a menos de tres semanas do inicio do novo curso escolar.
“Non pode ser que o Goberno municipal despilfarre os cartos en cousas moito menos necesarias, cando os nenos e nenas de Caión teñen que comezar o curso nun edificio degradado”, afirmou a portavoz nacionalista, Carolina Castiñeiras.
Preocupación polo atraso das obras do comedor
Durante o encontro, a dirección da ANPA A Balea tamén trasladou a súa preocupación polo ritmo de execución das obras destinadas á posta en marcha do comedor escolar.
O presidente da ANPA explicou que foi a propia asociación a que propuxo ao Concello o traslado do comedor a este espazo municipal, ao considerar que a súa proximidade ao colexio e as instalacións das que xa dispoñía facíano especialmente axeitado para este uso.
“Vendo o lento avance das obras, dubidamos de que estea en funcionamento para o día 9 de setembro”, sinalou o representante da ANPA.
O BNG reclama actuacións urxentes
Ante esta situación, o BNG da Laracha reclama ao Concello que actúe con “máxima celeridade” e dea resposta ás demandas da comunidade educativa de Caión antes do inicio do curso.
A formación nacionalista considera prioritario que o centro educativo reúna unhas condicións “dignas, seguras e salubres” para a incorporación do alumnado ás aulas e reclama que se acometan sen máis demora as actuacións de mantemento necesarias, así como que se aceleren os traballos do futuro comedor escolar.


