
A formación independente reclama actuacións urxentes para garantir a seguridade viaria e un plan de mantemento estable das vías rurais
Boiro. — Unión de Cidadáns Independentes (UCIN Boiro) denunciou o grave estado de abandono no que se atopa o camiño que conecta os lugares de Belles de Abaixo e Xián, tras comprobar sobre o terreo as deficiencias sinaladas polos veciños.
Segundo a formación independente, a vía presenta importantes problemas que afectan á seguridade dos residentes e condutores. Entre as principais carencias detectadas figuran a presenza de grava solta e desprendementos sen compactar, fochancas, a falta de limpeza das marxes e o crecemento descontrolado da maleza e da vexetación, que reduce a visibilidade e dificulta o tránsito.
O coordinador de UCIN Boiro, Miguel Piqueras, considera que a situación evidencia a falta dun mantemento adecuado das vías rurais do municipio.
“Non é posible que os veciños de Belles de Abaixo e Xián teñan que transitar por camiños inseguros e infranqueables mentres pagan os seus impostos exactamente igual que os do centro urbano”, afirmou Piqueras.
Ante esta situación, UCIN Boiro reclama ao Concello de Boiro unha actuación inmediata que inclúa a limpeza e rozado da vexetación das marxes, así como a reparación e acondicionamento do firme, coa retirada da grava solta e a aplicación dunha capa de rodaxe que garanta unhas condicións de circulación seguras.
A formación tamén pide a convocatoria dunha asemblea e o seguimento público dos plans de mantemento das parroquias, co obxectivo de establecer unha planificación estable que permita conservar de maneira continua as vías rurais e evitar que as actuacións se limiten a intervencións puntuais.
UCIN Boiro asegura que continuará recollendo as demandas dos veciños das distintas parroquias e trasladando as súas reclamacións ao Concello.
“O rural de Boiro non pode seguir sendo esquecido nin atenderse unicamente cando chegan as eleccións. Seguiremos dando voz ás denuncias dos veciños ata que o goberno local asuma a súa responsabilidade”, concluíu Miguel Piqueras.
A formación considera que o mantemento das infraestruturas rurais debe ser unha prioridade para garantir a seguridade, a mobilidade e a igualdade de servizos entre os veciños do rural e os do núcleo urbano.