
A Deputación da Coruña destinará 86.636 euros ao proxecto de turismo científico do Monte Pindo, unha iniciativa que busca impulsar un modelo turístico de calidade, sostible e vinculado ao coñecemento científico e á protección do patrimonio natural e cultural.
O convenio foi asinado polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado. O Concello de Dumbría xestionará o proxecto en representación conxunta cos municipios de Carnota e Mazaricos. O investimento total ascende a 108.295 euros, dos que a achega provincial representa o 80%.
A actuación principal será a sinalización específica de tres itinerarios: a subida á Moa dende O Pindo, a ruta entre O Fieiro e A Moa e o trazado entre Valdebois e o Castelo de San Xurxo. O proxecto tamén contempla servizos de consultoría turística e a elaboración e tradución de materiais promocionais.
Regueira destacou que a iniciativa permitirá diferenciar a oferta turística da zona, favorecer a chegada de visitantes durante todo o ano e xerar novas oportunidades económicas. O vicepresidente incidiu tamén na necesidade de combinar a posta en valor do Monte Pindo co rigor científico, a seguridade das rutas e a preservación do seu patrimonio.
O responsable provincial subliñou, ademais, a importancia da colaboración entre Dumbría, Carnota e Mazaricos para presentar o Monte Pindo como un destino turístico común, máis alá dos límites administrativos, e aproveitar de forma conxunta o seu potencial natural, cultural e económico.