
A aventura europea do PC Baikers do Vilán xa é historia. Os cinco ciclistas da Costa da Morte completaron esta semana os 965 quilómetros que separan La Turballe, en Francia, de Delémont, en Suíza, nunha nova edición da súa Ruta Ciclista de Irmandamento.
O equipo estivo formado por Alberto Más e Jairo Prieto, de Camariñas; Manuel Oreiro e Luis Salgado, de Vimianzo; e Alberto Damil, de Oleiros. Durante seis etapas afrontaron unha media próxima aos 160 quilómetros diarios, con xornadas especialmente esixentes de máis de 200 quilómetros.
A chegada a Delémont tivo un significado especial. A expedición foi recibida polo concelleiro de Deportes da cidade, Claude Schlüchter, nun acto no que tamén estivo presente o grupo de gaitas Galiza Celta Delemont, que puxo a nota galega á recepción.
Esta ruta dá continuidade ao proxecto iniciado polo club en 2023, cando os Baikers do Vilán uniron Camariñas e La Turballe. En 2024, o destino foi Peniche, en Portugal, e agora a expedición retomou o percorrido desde Francia para chegar ata Suíza. A elección de Delémont está ligada tamén aos fortes vínculos existentes coa Costa da Morte pola presenza de numerosas familias emigrantes procedentes de Camariñas na zona.
Con este novo reto, o PC Baikers do Vilán volve levar o nome da Costa da Morte máis alá das súas fronteiras e reforza os lazos de irmandamento entre os territorios. E o club xa ten a mirada posta no seguinte desafío: unha cuarta ruta con destino a Novedrate, en Italia, para continuar a súa particular viaxe de amizade e promoción da comarca por Europa.