
A Deputación achega 330.000 euros para a primeira fase da rehabilitación da antiga lonxa do peirao do Curbeiro, cun investimento total de 430.000 euros
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este venres Camariñas para supervisar o avance das obras de rehabilitación da antiga lonxa do peirao do Curbeiro, que xa están en execución e que constitúen a primeira fase do futuro Museo dos Naufraxios.
Formoso estivo acompañado pola deputada provincial Mónica Rodríguez, pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e por membros da corporación municipal. Durante a visita, o director da obra e os responsables da empresa construtora explicaron sobre o terreo os traballos que se están desenvolvendo e as principais características do proxecto.
A actuación conta cun investimento de 430.000 euros, dos que a Deputación da Coruña achega 330.000, o 76,7 % do total, mentres que o Concello de Camariñas financia a parte restante. O obxectivo é recuperar un inmoble estreitamente ligado á historia mariñeira da vila, que levaba décadas sen uso e presentaba un avanzado estado de deterioro.
“É un auténtico acerto apostar por un Museo dos Naufraxios que vai concentrar o interese de todo o relacionado cos naufraxios no Atlántico”, afirmou Formoso, quen lembrou que na contorna existen máis de 600 naufraxios documentados. Ao seu xuízo, o futuro equipamento pode converterse nun “motor turístico brutal” e nun museo de referencia en Galicia.
Unha primeira fase centrada na recuperación do edificio
As obras actuais contemplan a reparación e consolidación estrutural da antiga lonxa e a reforma integral da súa envolvente exterior. Entre as actuacións previstas figuran a execución dunha nova cuberta, a rehabilitación das fachadas mediante un sistema de illamento térmico exterior e a renovación de portas e ventás.
Estas intervencións permitirán mellorar a eficiencia enerxética, a salubridade e as condicións de conservación do inmoble, mantendo ao mesmo tempo o seu volume e o carácter industrial e mariñeiro orixinal.
Esta primeira fase permitirá deixar o edificio estruturalmente consolidado e protexido fronte aos axentes meteorolóxicos, preparado para futuras actuacións de acondicionamento interior e musealización.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, cualificou o inicio dos traballos de “ilusionante” e salientou que se trata dun proxecto “vital para o turismo, non só de Camariñas, senón de toda a comarca”.
Insua destacou tamén o valor sentimental da antiga lonxa para a veciñanza e a súa localización estratéxica no centro da vila. Segundo explicou, o futuro museo permitirá poñer en valor a historia dos naufraxios e a cultura mariñeira da Costa da Morte.
“A zona entre o cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses é unha das de maior concentración de naufraxios”, sinalou a alcaldesa, que considera que Camariñas reúne condicións para converterse na “capital non só do encaixe, senón tamén dos naufraxios de toda Galicia”.
Visita ás instalacións de Cerdeimar
A xornada de Formoso en Camariñas completouse cunha visita ás instalacións de Industrias Cerdeimar, unha das empresas históricas do municipio e un referente da tradición pesqueira e conserveira da Costa da Morte.
Fundada en Camariñas en 1884 como fábrica de salgadura de sardiña, Cerdeimar conta con 142 anos de historia e está especializada na elaboración de conservas de peixe e marisco e de pratos preparados, cunha importante presenza no sector dos túnidos.
Durante o percorrido, Formoso e Insua coñeceron os distintos procesos produtivos da planta, especializada na elaboración de conservas de atún. Estiveron acompañados por Juanma Montes, director de procesos da empresa propietaria, e Domingo Fernández, director da planta de Camariñas.
A fábrica produce tanto para a marca de distribución do grupo Family Cash, propietario da instalación, como para as marcas Boya e Fish and Company, e comercializa os seus produtos nos mercados nacional e internacional.
Formoso puxo en valor a importancia de contar na provincia con empresas capaces de combinar “unha longa tradición industrial coa capacidade de adaptarse, innovar e competir en mercados cada vez máis esixentes”.
O presidente da Deputación destacou tamén o peso do sector conserveiro na provincia da Coruña e o valor do emprego industrial no territorio. “É un auténtico orgullo ver persoas que levaban 40 anos traballando nesta instalación e que agora van poder xubilarse aquí”, afirmou.
Tamén salientou a aposta da compañía pola innovación, a expansión da súa capacidade produtiva e o mantemento de Camariñas como un dos centros fundamentais da súa actividade.
Pola súa banda, Sandra Insua subliñou o papel de Cerdeimar na economía local. A alcaldesa destacou que a fábrica conta actualmente con preto de 55 persoas traballadoras e que “moitísimas familias dependen da fábrica”, polo que considerou a actividade da empresa “vital para a vila de Camariñas”.
Juanma Montes agradeceu a atención e o apoio recibido e destacou o orgullo da compañía por formar parte do desenvolvemento dunha das conserveiras máis antigas de España.
A visita permitiu así poñer en común dous dos principais eixes da actividade económica e da identidade de Camariñas: a recuperación da súa memoria marítima e patrimonial, a través do futuro Museo dos Naufraxios, e o mantemento dunha actividade industrial conserveira con máis dun século de historia e forte implantación local.