
Alternativa Enxebre denuncia a exposición de datos identificativos de menores e reclama a retirada inmediata dos listados
Alternativa Enxebre denunciou publicamente unha situación que considera de especial gravidade: a exposición, nun taboleiro municipal accesible ao público, de listados das actividades de verán de Xuventude do Concello de Arteixo nos que aparecen nomes e apelidos completos de menores de idade, asociados ás actividades nas que foron admitidos ou ás correspondentes listas de espera.
A formación asegura que comprobou persoalmente os feitos e que os documentou fotograficamente. Por responsabilidade, nas imaxes difundidas publicamente ocultáronse os nomes e apelidos dos menores, co obxectivo de evitar unha maior difusión dos seus datos persoais. Segundo explica Alternativa Enxebre, as fotografías orixinais, sen modificar, foron achegadas como proba na documentación presentada ante o Concello.
A organización considera especialmente preocupante que os datos identificativos aparezan vinculados a actividades municipais concretas, sobre as que existe información pública relativa á súa programación, datas, horarios ou lugares de celebración.
Solicitan a retirada inmediata e unha investigación
A través da súa concelleira non adscrita, Noelia Martínez Canosa, Alternativa Enxebre presentou e rexistrou un escrito ante o Concello de Arteixo no que solicita a adopción de diferentes medidas.
Entre elas, reclama a retirada inmediata dos listados no caso de que continúen expostos, así como a comprobación do resto de taboleiros, edificios, instalacións e dependencias municipais para determinar se existen outros documentos similares con datos identificativos de menores.
Tamén pide que se determine quen ordenou, autorizou ou decidiu esta forma de publicación, así como a súa base xurídica e o procedemento empregado.
A formación reclama igualmente que o ou a Delegada de Protección de Datos do Concello valore os feitos e determine se a actuación se axusta á normativa vixente, ademais de adoptar as medidas necesarias para evitar que unha situación semellante volva producirse.
“A responsabilidade debe ser máxima”
Alternativa Enxebre subliña que a protección dos datos persoais “non é unha cuestión menor” e que, cando se trata de menores de idade, a responsabilidade das administracións debe ser especialmente elevada.
A formación afirma que o Concello de Arteixo xa foi formalmente informado dos feitos e agarda unha actuación inmediata, explicacións sobre o sucedido e garantías de que non volverá repetirse.
A organización tamén advirte de que fará seguimento das actuacións municipais e que non descarta trasladar o caso á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) se considera que resulta necesario.
Por último, Alternativa Enxebre sinala que non fará pública a localización concreta dos listados mentres non teña constancia de que foron retirados, co obxectivo de non facilitar a súa localización nin contribuír á exposición dos datos dos menores.
“Os menores deben estar protexidos. Os seus datos, tamén”, conclúe a formación.